Grazas á Real Federación Española de Fútbol e ao Racing Club de Ferrol pola súa colaboración co proxecto Fíos in Action
Desde o equipo de Fíos in Action, proxecto integrado dentro do programa Escola Verde, queremos expresar o noso máis sincero agradecemento á Real Federación Española de Fútbol e ao Racing Club de Ferrol pola súa xenerosa colaboración ao noso proxecto.Ambas as dúas entidades tiveron a amabilidade de cedernos diversas prendas deportivas —equipacións da selección española masculina e feminina, de fútbol sala, así como roupa de adestramento e pezas antigas do Racing de Ferrol— co obxectivo de participar neste proxecto educativo centrado na reflexión crítica sobre o fenómeno da fast fashion e a moda circular.
Lamentablemente, por circunstancias alleas á nosa vontade, non foi posible levar a cabo as actividades do proxecto tal e como estaban previstas, e as prendas están a ser devoltas ás súas entidades correspondentes, co máximo respecto e agradecemento pola súa disposición e apoio desde o primeiro momento.
Queremos destacar o valor desta colaboración, que amosa o compromiso tanto da Federación como do Racing de Ferrol coa educación ambiental e coa sensibilización do alumnado cara a un consumo máis responsable e sostible.
Agardamos poder retomar esta iniciativa no futuro e seguir contando con aliados tan comprometidos coas causas sociais e educativas.
Moitas grazas de novo pola vosa xenerosidade e confianza.
O equipo de Fíos in Action
Programa Escola Verde #rfef #racingferrol #escolaverde#proxecta
No comments:
Post a Comment